Comezan os traballos de restauración dos sendeiros da contorna da Torre de Hércules

13 de febreiro de 2019

Torre de Hércules

O Concello insiste no retraso da declaración de Espacio Natural de Interese Local (ENIL) na zona por parte da Xunta de Galicia.

A Coruña, 13 de febreiro de 2019.  A Concellería de Medio Ambiente inicia nesta xornada os traballos de restauración dos sendeiros da contorna da Torre de Hércules, unha intervención dirixida a recuperar e protexer da erosión aqueles camiños desgastados pola exposición ás condicións climatolóxicas, para a súa adecuación para o uso público.


Os traballos incluirán a roza dalgún deses camiños, para reabrilos ao paso, a recuperación do pavimento de xabre granítico daqueles casos máis desgastados e, nas zonas nas que se produce acumulación de auga de choiva e a conseguinte erosión, realizaranse actuacións para facilitar a escorrentía dun dos “principais redutos naturais cos que contamos na Coruña”, sinala a concelleira María García, quen vincula a actuación nos sendeiros á posta a punto deste lugar “para que a veciñanza poida usalo nas mellores condicións”.


O proxecto, que ten un orzamento de 73.085 euros, enmárcase nas accións desenvolvidas desde a área de Medio Ambiente na contorna da Torre, a comezar polo estudo dos hábitats e especies que poboan a contorna de Punta Herminia, “un dos espazos máis importantes da nosa cidade en canto a biodiversidade, tal como demostraron estes traballos de campo, que detectaron máis de 600 especies vexetais e animais”, expón a edil. Nese sentido, García lembra que o pleno municipal acordou en xuño de 2017 remitir á Xunta de Galicia a solicitude para a declaración da contorna da Torre como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), dende hai máis dun ano e sobre o que non hai respostas.


Entre as intervencións desenvolvidas neste mandato desde o Concello para a adecuada xestión e conservación da natureza neste espazo cóntase tamén a adaptación do plan de sega, dirixido a evitar realizar estes labores nos meses de cría das aves que habitan en determinadas zonas arredor da Torre e que son, segundo salienta a concelleira, “especialmente valiosas”. Do mesmo xeito, a Concellería de Medio Ambiente impulsou os convenios para a custodia do territorio, coa agrupación naturalista Hábitat, para a eliminación de especies invasoras, e, igualmente, colocou sinalización para informar dos valores naturais desta contorna.