Novo sistema de ingreso na Torre para minimizar as colas

9 de agosto de 2017

Torre de Hércules

Desde o inicio desta semana, a Torre de Hércules está implantando un novo sistema de ingreso no monumento, co obxecto de minimizar as colas que verán tras verán se producen grazas ao enorme atractivo do monumento e á excelente resposta dos nosos visitantes.

Trátase dun sistema moi sinxelo que consiste en entregar a cada visitante unha tarxeta na que se indica o tramo horario no que deberá achegarse á torre para ingresar nela. Así, en lugar de sufrir unha espera mínima dunha hora, poderá moverse polo entorno, visitar o Centro de Interpretación ou gozar das vistas e do Parque das Esculturas. O visitante deberá achegarse á porta de ingreso na torre á hora que se lle indique e como moito terá que esperar dez ou quince minutos para realizar a súa visita.

Durante os meses de xullo e agosto a afluencia de visitantes á Torre de Hércules está nunha media de 800 persoas diarias. Dado que a capacidade de acollida do monumento está establecida en 30 persoas, co sistema tradicional xéranse colas que superan a hora de espera. 

Prégase atender ás indicacións dos guías.