O novo punto de venda de entradas á Torre de Hércules recibe a máis de 18.600 persoas no seu primeiro mes de implantación - Torre de Hércules A Coruña

O novo punto de venda de entradas á Torre de Hércules recibe a máis de 18.600 persoas no seu primeiro mes de implantación

6 de agosto de 2018

Puntos de venda

O acceso por franxas horarias de 15 minutos permitiu eliminar as colas de espera aos pés do monumento, garantindo o acceso ás persoas visitantes, á vez que se respecta a capacidade de acollida de 32 persoas ao mesmo tempo.

A Coruña, 5 de agosto de 2018.-- O novo punto de venda de entradas da Torre de Hércules, posto en marcha o pasado 2 de xullo, recibiu xa a máis de 18.600 persoas. No seu primeiro mes de implantación permitiu axilizar a adquisición de entradas ao monumento e eliminar as colas de espera aos pés do mesmo, favorecendo a súa conservación e facilitando os controis de acceso para respectar a capacidade de acollida, establecida en 32 persoas ao mesmo tempo. “Poder coñecer en tempo real a dispoñibilidade de acceso á Torre, para non superar o aforamento, é un avance significativo e permítenos profesionalizar o servizo que ofrecemos ás persoas visitantes e mellorar a súa experiencia na cidade”, segundo remarca a xerente do Consorcio de Turismo e Congresos, Lanzada Calatayud. 

O novo programa de xestión interna de reservas permite agora que cada 60 minutos as e os visitantes poidan acceder ao monumento en catro franxas horarias de 15 minutos cada unha. O cambio de localización permitiu ademais pór en valor tanto o Centro de Interpretación e Atención ao Visitante (CIAV) -destinado a recibir e proporcionar información histórica e actual relacionada co monumento e a súa contorna-, así como a oficina de turismo. Segundo destaca o equipo de informadoras e informadores e guías do ente turístico, agora a visita pode planificarse mellor complementándoa con información útil sobre que ver e facer na cidade, a través de planos e folletos turísticos. 

Nos vindeiros meses, segundo confirma a directora da Torre de Hércules, Ana Santorun, prevese a implementación de nova sinalización nos arredores da Torre, co propósito de ampliar os puntos informativos sobre dito cambio, cubrindo as entradas dende a Casa dos Peixes, a praia de As Lapas e o Paseo dos Menhires. 

O interior do antigo faro romano, recoñecido en 2009 como Patrimonio mundial da UNESCO, pódese visitar durante a época estival e previa reserva de entradas, calquera día da semana dende as 10 da mañá ata as 20:30 horas. O prezo xeral da visita é de 3 euros, con tarifas reducidas á metade para menores de 14 e maiores de 65 anos, titulares do Carné Xove, pensionistas, desempregados, familias numerosas e grupos de máis de 20 persoas previamente concertados. A visita o monumento é gratuíta para discapacitados e menores de 5 anos, así como para o público xeral todos os luns do ano, sendo necesario, en calquera dos casos, a reserva previa da entrada no novo punto de venda. Estas só se poden adquirir para o mesmo día da visita ou cun día máximo de antelación, sendo posible agora tamén o pago con tarxeta.