Comezan as visitas guiadas a grupos no CIAV e na Torre de Hércules

22 de outubro de 2018

Torre de Hércules

Empezan o vindeiro martes, día 23. Os guías expoñerán a historia e evolución do monumento en dúas visitas diarias de martes a domingo e en grupos limitados a 15 persoas

A Coruña, 20 de outubro de 2018.  A Torre de Hércules iniciará esta semana o seu programa de visitas guiadas, como unha das actividades de atención ao público en horario de inverno. O calendario de visitas comezará o vindeiro martes, día 23 de outubro e planificáronse durante toda a tempada e até a primeira semana de marzo dúas visitas diarias de martes a domingo en horario de mañá.

A primeira comezará ás 11.30 horas no Centro de Interpretación e Atención ao Visitante (CIAV) cunha visita de 15 minutos de duración. O público disporá de este mesmo tempo para chegar ao monumento, ao que se entrará ás 12.00 horas cunha visita de media hora de duración. A segunda visita comezará ás 12.30 tamén no CIAV coa mesma estrutura e o acceso á Torre, neste caso, será ás 13.00 horas. O teléfono de reservas é 881084756 e o aforamento en ambos os casos está limitado a 15 persoas. Os días de entrada gratuíta non se realizarán visitas guiadas fóra das xa concertadas previamente por centros escolares.

A  xerenta do Consorcio de Turismo e Congresos, Lanzada  Calatayud, manifestou que este programa de visitas guiadas, que se retoman despois de que se paralizasen a principios do pasado verán, trae consigo unha “posta en valor do centro de interpretación e a súa proposta expositiva, profundando en aspectos descoñecidos do monumento”.  Calatayud eloxiou ademais a implicación do persoal da Torre de Hércules “nesta experiencia participativa e a hora de crear un discurso atractivo” achega do monumento.

En canto aos contidos, a estrutura da visita comezará no  CIAV onde os guías mostrarán ao visitante os mapas e maquetas cunha visión histórica do Imperio Romano, os detalles sobre a orixe romana e a construción do monumento e a súa restauración e evolución en séculos posteriores, así como a firma do arquitecto e a lenda de Hércules. 

Xa no interior da Torre, que o pasado ano recibiu un total de 133.000 turistas, a visita comezará nas escavacións arqueolóxicas e nas orixes da edificación no século I, para pasar seguidamente á etapa e evolución en época romana e medieval. Durante o ascenso á parte superior, os guías analizarán a secuencia cronolóxica e a estrutura e a restauración do edificio no século  XVIII, así como as suas diversas dependencias, como a sala Giannini e as pedras antisísmicas. A visita rematará na terraza da Torre e tamén se contemplan alguns percorridos complementarios ao Parque Escultórico situado na contorna do monumento. Salvo peticións especiais, que se valorarán en función da dispoñibilidade do persoal, as visitas realizaranse en galego ou castelán dependendo dos puntos de procedencia dos participantes.

 

Valor Universal Excepcional

 

A directora da Torre de Hércules, Ana Santorun, destacou a importancia das visitas guiadas “como un instrumento fundamental para transmitir o Valor Universal Excepcional do monumento”.  Neste sentido, entre os días 6 e 8 de novembro, celebrarase na Fundación Luís Seoane da Coruña o XII Encontro de Xestores de Patrimonio Mundial en España, organizado polo Ministerio de Cultura e coordinado pola Subdirección Xeral de Protección de Patrimonio. As xornadas reunirán a máis de oitenta xestores dos Sitios Patrimonio Mundial de toda España e baixo o epígrafe Comunicación e patrimonio. Transmitir o Valor Universal Excepcional abordarán o modo de transmisión e comunicación do seu propio Valor Universal Excepcional (VUE), que define a protección dos valores do seu Patrimonio.